Friday 17 de May de 2024

O Club de Xubilados de Lousame celebra os seus 15 anos de historia cunha homenaxe ás directivas entrante e saínte


Máis de trescentas persoas participaron no xantar de confraternidade

Máis de trescentas persoas participaron esta fin de semana no tradicional xantar de confraternidade organizado polo Club de Xubilados de Lousame, que este ano cumpre os quince ano dende a súa fundación oficial. Un xantar celebrado no restaurante Claudio (Porto do Son) e que serviu de homenaxe á directiva saínte do Club así como de presentación dos integrantes da nova directiva, encabezada por Francisco Avelino García Nieto.

Un acto ao que foron convidadas a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo. Villaverde Pais agradeceu tanto o convite como “os quince anos dedicados pola directiva do club presidida por Manuel Pereira Pérez a organizar actividades para os nosos maiores”, ofrecendo a colaboración do Concello de Lousame á nova directiva “para seguir organizando cada vez máis iniciativas”.

A nova directiva do Club de Xubilados de Lousame está presidida por Francisco Avelino García Nieto, con Carlos Filgueira Romero como vicepresidente; José Manuel Pérez Gómez como secretario; e Wanda Figueroa Iglesias como tesoureira. Como vogais figuran Antonio Romero García, María Luisa Pazos Suárez, José Lojo Queiro, María Soledad Souto Lamas e José Óscar Pan Pérez. García Nieto aproveitou o xantar para chamar á colaboración: “conto con todos para botar unha man e agardamos que participedes nas actividades que organice o Club”.

Un punto no que incidiu o ex presidente do Club de Xubilados de Lousame, Manuel Pereira Pérez, quen asegurou que “o Club de Xubilados non o fai un presidente, faino a xente”. Canda el foron homenaxeados tamén outros membros que deixan a directiva “despois de 18 anos de traballo, se ben o club oficialmente só ten 15 anos”, explicou Pereira Pérez. Entre os homenaxeados estaban Francisco González Santos, Jesús Tubío Abeijón, Raul Santamaría Castro e Josefa Prado Dorado.